Preocupados polo caso GARA

O xornalismo encara nestes treboentos tempos moitos atrancos e retos, tecnolóxicos e humanos.

As e os xornalistas teriamos que estar preocupados por como se espallan as "fake news", novas falsas que existen desde sempre pero que se propagan coma nunca antes. Debería quitarnos o soño a crise de credibilidade e lexitimidade que sofren os medios de comunicación. Deberiamos poder adicarlle tempo e esforzo a darlles prestixio, a explicar que, por sorte, os e as xornalistas pensamos de maneiras moi diversas, pero que detrás de cada nova que un profesional do oficio compón, existe o esforzo honesto por retratar unha realidade poliédrica que sempre terá diversos puntos de vista. Somos conscientes de que hai excepcións, e que estas son outra fonte de preocupación.

Os e as xornalistas deberiamos estar máis que preocupados polos 94 compañeiros e compañeiras mortos no 2018 en todo o globo mentres exercían a profesión. Sobre todo, tendo en conta que os ataques a xornalistas adoitan ser, ademais, un indicador de violacións de dereitos graves e xeralizadas contra a poboación civil.

Tamén deberían alarmarnos os máis de 10.000 postos de traballo perdidos no sector durante a última crise económica no Estado español. Deberíanos ocupar a precariedade estrutural que a miúdo fai imposible harmonizar o oficio cun proxecto de vida a longo prazo.

Deberíannos preocupar estes temas e moitos máis, e abofé que nos preocupan. Amamos este oficio e asumimos como propios todos os retos que ten expostos. Son os nosos, con eles fechamos o noso compromiso coa sociedade na que vivimos.

O que non debería ser obxecto de preocupación en pleno 2019 é o risco de quebra dun xornal como consecuencia dunha persecución xudicial que se alongou durante dúas décadas. O “Egin” foi pechado de maneira ilegal en 1998, segundo recoñeceu anos despois ata o Tribunal Supremo. Consideramos que endosarlle agora a súa débeda coa Seguridade Social a GARA é absurdo e castiga inxustificadamente a ese medio e aos seus traballadores.

Por iso queremos solidarizarnos cos nosos compañeiros e compañeiras de GARA. Queremos defender o seu dereito para facer xornalismo sen máis obstáculos que os xa mencionados. Queremos apoiar a liberdade de prensa e a pluralidade. As e os xornalistas temos suficientes problemas presentes e retos futuros como para ter que estar preocupados por pantasmas do pasado.

Signatarios

  • John Carlin
  • Eider Hurtado
  • Carmen Lira
  • Xabier Lapitz
  • Ferran Casas
  • Vicent Partal
  • Vicent Sanchís
  • Javier Gallego
  • Nerea Azurmendi
  • Maite Artola
  • Edu Barinaga
  • Monica Terribas
  • David Fernàndez
  • Roger Palà
  • Karlos Zurutuza
  • Antton Rouget
  • Martxelo Otamendi
  • Joseba Santamaria
  • Ana Pardo de Vera
  • Ane Irazabal
  • Luis Aizpeolea
  • Odile Kruzeta
  • Javier Salutregi
  • Mirentxu Purroy
  • Mariano Ferrer
  • Dani Alvarez
  • Jorge Nagore
  • Antoni Bassas
  • Neus Tomàs
  • Alberto Moyano
  • Jordi Basté
  • Grup de Periodistes Ramon Barnils